Algúns leramos a Lois Pereiro
antes de 2011. Algunhas, mesmo, puxaramos por que a Academia lle dedicase o Día das Letras.
O de Monforte era daquela o
fetiche dos sectores máis heterodoxos da cultura galega. O favorito entre a
xente nova.
Falo por min cando digo que o
feito de apostar por el pouco tiña que ver coa percepción da súa obra como unha
sorte de rareza. Lois Pereiro é, ao cabo, un poeta clásico, firmemente asentado
no acervo elocutivo e formal que vén termando do arquixénero desde o Romantismo.
Un escritor que soubo aproveitar a tradición das grandes escrituras líricas dos
séculos XIX e XX para compor unha obra emotiva, transcendente, de indubidable
valor literario. Pero de ningunha maneira rupturista.
Ora ben, vender vendéusenos como
un experimental. Isto sucedeu porque quen nunca crera nel, aquelas e aqueles
que talvez nin sequera sabían que existía antes do ano 2011, se viron obrigados polas
circunstancias a mostrarlle un pouco de afecto. As experiencias vitais que
reflicte a poesía de Pereiro deberon emerxer ante esta xente como unha especie
de aparición e en efecto representan un episodio senlleiro na tradición
discursiva da literatura galega.
Pero, ollo, non confundamos contido
con forma. Falar de realidades como a SIDA ou as drogas non
converten un autor nunha especie de aloucado experimentalista. Só unha cultura
pacata, constrinxida por unha visión pequeno-burguesa do sentido do decoro,
podía formular un axioma tan simplista.
Porque o de Monforte é, á
fin, un poeta íntimo, de verso limpo e dicción solemne, como o groso da poesía
galega da década dos 80. O Lois Pereiro escritor está máis preto de Ramiro
Fonte ca de Rompente. O Lois Pereiro persoa probablemente non.
Cómpre desterrar o mito,
rabuñarmos na superficie. Pereiro é clásico na mesma medida en que o é o Rimbaud
que escribe o “Soneto ao esfínter”. Na órbita de Ginsberg, Bukowski ou Genet.
Lido en clave estritamente literaria (fóra morbos biografistas), talvez a obra
de Pereiro veña recuperar o seu espazo nativo, ese que lle foi negado en vida do autor:
a do grande canon da literatura nacional.